Thursday 19 de September de 2024

Gonzalo Muíños a Verea: “igual confunde un chegue en branco co currículo en branco que ten el no seu papel de opositor que deixa, polo de agora, un total de cero propostas


O portavoz dos socialistas amosouse moi crítico coas palabras do líder dos conservadores que acusaba ao PSdeG de entregar, como un cheque en branco, a alcaldía ao BNG.
“O señor Verea ten un grave problema se non entende, ou non asume, cales son as regras do xogo da democracia representativa”.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2023. O portavoz dos socialistas en Raxoi saíu hoxe ao paso das críticas que o portavoz dos conservadores arroxou onte nun “intento de captar a atención dos medios”, acusando ao PSdeG de entregar un cheque en branco ao BNG co seu apoio na investidura de Sanmartín. Gonzalo Muíños reivindicou que “en ningún caso” o seu apoio foi sen condicións e asegura que “a demostración máis palpable é a nosa posición ao respecto do plantón da alcaldesa á ofrenda do Apóstolo e ás medallas que inventa a modo de escusa”.

Recorda Muíños que foron os socialistas os que pediron un informe ao secretario xeral do concello para “avaliar as súas competencias” para outorgar unhas condecoracións que non foron sometidas á aprobación plenaria. O portavoz dos socialistas reivindicou ademais o traballo do seu grupo municipal durante o primeiro mes do mandato: “ a nós impórtanos o futuro da Casa da Xuventude, e levaremos ao pleno unha proposición para que se siga adiante co acordo coa Deputación, tamén estamos preocupados pola vivenda, por iso levaremos tamén ao pleno unha moción para construír 200 apartamentos de alugueiro para estudantes”.

Ademais e materia de cultura, explica Muíños que “impulsamos unha declaración institucional en contra da censura que, precisamente, VOX coa complicidade do PP, está aplicando alí onde goberna”, e no próximo pleno o PSdeG, recorda, tamén amosará a súa oposición ao peche da farmacia de Marrozos.

“Nun mes, a nosa oposición deixa este balance, cal é o do Partido Popular?” pregúntase o portavoz dos socialistas que critica que “igual no Partido Popular confunden un chegue en branco co currículo en branco que ten o señor Verea no seu papel de opositor que deixa, polo de agora, un total de cero propostas.

Gonzalo Muíños que instou ao líder dos conservadores, 32 días despois da toma de posesión da nova corporación, a asumir “as regras do xogo da democracia representativa”: “O resultado das urnas foi unha maioría progresista e nós demos cumprimento a ese mandato, non ten sentido estar un mes despois dando voltas á lexitimidade do resultado electoral” sentenciou.